Kant plasmou na súa obra a quintaesencia do espíritu moderno. A súa ética trata de pór en conceitos a comprensión que o home moderno e ilustrado ten de sí mesmo, fundamentando a mundo moral da burguesía, clase social que enxendra e determina a modernidade. Kant desenrola unha ética centrada na subxectividade, que implica os frentes da autonomía, liberdade e autolexislación.
Locke
Locke introduce a idea dun contrato social como construtor da orde social, non sendo nen o medo nen a ambición os seus fundamentos sen non o dereito á propiedade, de xeito que cada individuo poda ter ben protexido ese dereito e que esté garantido pola lei.
Segundo o liberalismo de Locke, o obxectivo do Governo é protexer o dereito da propiedade de cada un, correxindo as inconvenencias en que poda desembocar o desenrolo do estado de natureza.
Locke parte da súa idea de liberdade indiscutíbel por ser dereito natural, entendida en esencia como propiedade, e que xustifica calqueira distribución dos bens por desigual que sexa. Deste xeito, se o esforzo por producir e obter produtos medra, a situación de todos, incluídos os máis pobres, mellorará por existir máis riqueza.
Rousseau
Para Rousseau, no estado salvaxe o home é bo, precisamente porque non é social ou sociábel. Pensa que a natureza do home está distorsionada polas institucións sociais e políticas, estando o mal orixinal do home na sociedade e nos mitos transcendentes. O home natural carece de contaminación social e de todo o perverso que existe na sociedade.
Para Rousseau, existe o contraste fundamental entre o salvaxe e o ser social de que o salvaxe vive fechado en sí mesmo e o home civilizado vive fora de sí, na ollada dos outros.
Rousseau introduce o conceito de vontade xeral á que se debe chegar por medio da democracia, xurdindo como resultado dun pacto social que permita a participación de todos os cidadáns sen excepción na elaboración das leis. Sería unha participación onde hai que saber renunciar ás singularidades, porque a vontade particular de cada individuo non ten porque coincidir coa vontade xeral.
Rupturas
A filosofía de Kant mantén unhas tensas relacións coa súa coetánea moral teolóxica protestante, sendo tamén unha ruptura en:
- O cuestionamento de que a metafísica sexa o fundamento da ética (tradición aristotélica-escolástica).
- A disolución do naturalismo ilustrado.
- O rexeitamento de éticas como a de Hume, con fundamento psicolóxico-naturalista.
Para Kant, a razón é unha aínda que teña usos diferentes. A cencia e a ética susténtanse sobre a única razón existente, e prevalece a razón práctica (a ética) sobre a razón teórica (a cencia).
A moral, segundo Kant, consiste no mundo das experiencias noumenais, que aparece como non alcanzado pola razón teórica na súa tendencia cara o ideal de saber, pero que a liberdade postula como existente e pon ao alcance do home como o deber ser. Kant introduce na ética unha solución transcendental ao problema moral, sendo a racionalidade pura a única garantía da universalidade da ética e da validez universal das súas normas. Tense entón unha filosofía moral pura, libre de hipotecas emotivas, sociais ou circunstanciais.
Liberdade como principio
Kant introduce como fundamento da súa ética as ideas de autonomía e liberdade. Interprétase, en ocasións, que o seu sistema é unha ontoloxía da liberdade.
Un dos motivos principais polos que Kant buscou unha moral pura foi o intento de erradicar o escepticismo e o relativismo. Por iso quérese recuperar a universalidade e absoluticidade dos deberes e leis morais. Chega Kant, así, á liberdade como base da ética e coa razón pura práctica, permitíndose desta forma, a liberación da acción humana do fatalismo determinista que provén da natureza e do escepticismo derivado do relativismo.
Kant introduce a distinción entre ética formal de normas e ética material de valores. Como valores polos que se rixe a vontade mediante o respeto á lei están a dignidade e a excelencia da persoa, chegando a que ninguén será tratado como un medio, se non como un fin. Trátase dunha autodeterminación pola forma de lei do suxeito dende a razón pura. Introdúcese un fundamento da moralidade universal e absoluto que exixe o rexeitamento de toda instancia continxente codizoante, descartando a natureza, a felicidade, o sentemento ou a utilidade.
Imperativo categórico
Kant intenta fixar a especifidade da acción moral respeito a outros tipos de accións, distinguindo de tres clases de imperativos:
- Imperativos de habilidade ou técnicos, rexidos pola racionalidade técnico-instrumental.
- Imperativos de felicidade ou pragmáticos, que tenden a conseguir a felicidade e a ter como propósito un fin real.
- Imperativos de moralidade, categóricos ou de deber puro, aos que corresponden leis éticas, e que son rexidos pola razón práctica pura.
A fórmula básica do imperativo categórico kantiano di que obra só segundo a máxima mediante a cal poidas querer ao mesmo tempo que se convirta nunha lei universal. Leva aparelladas as características dun imperativo categórico: é apriori e é formal. A priori porque é realizada pola vontade autónoma e non ten como ponto de partido o empírico. Formal, porque se restrinxe á forma racional da lei sen prescribir contido algún concreto de acción, sendo un criterio para determinar sobre a racionalidade das máximas subxectivas de conduta.
Influencia posterior
A influencia da ética kantiana é fundamental nas éticas posteriores, resultando como contexto de boa parte da reflexión ética contemporánea. É o caso de pensadores como H. Cohen, Rawls, Apel ou Habermas.
Pensadores como Hegel, Schopenhauer, Nietzsche e Scheler entraron en diálogo e controversia coa ética kantiana á hora de crear os seus sistemas.
Kant maiormente fixo un enfoque da moralidade en termos de liberdade-determinismo. Debates éticos contemporáneos parten de Kant para ver se se decide a posibilidade de existencia ou non da ética. É o que sucede con:
- Pensadores mecanicistas clásicos ou materialistas dentro da visión determinista biolóxica de tipo darwiniana.
- Sociobiólogos e psicólogos para os que as decisións e eleccións están condizoadas polo patrimonio e estrutura xenéticos.
- Sociólogos defensores do determinismo social, como Durkheim.
- Biólogos proclives á utilización da enxeñería xenética para a modificación da conduta.